miércoles, 27 de enero de 2016

Entrada de Diario #1

Ola!


Benvidos a unha nova etapa no blog! E preguntarédesvos “e por qué nova?” Pois porque a partires de agora teremos unha nova estrutura. Ate hoxe este “caderno de bitácora” que estaba utilizando para as anotacións e actividades de dúas asignaturas do máster que veñen de rematar, so contaba cunha sección. Este cambio coincide co inicio dunha nova materia: Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, para a cal o uso desta ferramenta é moi importante, xa que toda a nota depende das entradas que vaia facendo nos diferentes apartados, que como podedes observar, hai novos: diario e dosier.

O que vos ides atopar se facedes clic en diario serán anotacións ou reflexións persoais sobre os contidos da materia, e, en cambio, se ides ao apartado dosier, o que poderedes ler serán anotacións e resumos sobre as actividades feitas ao longo das sesións.

Ate agora non tivemos tempo de afondar en moitos temas, como comezo, na primeira sesión do 26 de xaneiro, o profesor Carlos Varcárcel contounos como se ía  desenvolver a súa parte da materia, e digo a súa parte porque ademais del, teremos tres profesores máis que nos falarán sobre didáctica. Ademais tamén nos explicou como seríamos avaliados, para o que botou man dunha rúbrica.

Unha rúbrica, ese gran descoñecido para algúns profesores, é a ferramenta utilizada no campo da docencia para avaliar o nivel de desempeño dunha tarefa a través dun conxunto de criterios e estándares, que normalmente están relacionados cos obxectivos de aprendizaxe. En resumo, unha rúbrica e unha guía non so para profesores, se non tamén para os alumnos, porque lles pode servir de inspiración á hora de realizar actividades. Por iso me parece un elemento moi útil e importante, do que os profesores deberían de botar man en todas as materias. Persoalmente penso que me tería sido de gran axuda sobre todo para a realización de traballos e proxectos tanto na secundaria como na universidade, é moito mais fácil realizar un traballo cando sabes que tes que facer e cales son as posibilidades que tes. A continuación déixovos dous enlaces a páxinas onde podedes atopar ferramentas gratuítas para elaborar rúbricas: rubistar e irubricAdemais, neste enlace poderedes atopar unha rúbrica que elaborei para unha materia do máster.

Outro aspecto, que tampouco é novo pero que descubrín gracias ao máster, é a utilidade do blog na educación. As tecnoloxías van evolucionando cada día un pouco máis e ocupando esferas da nosa vida nas que entran para facernos un favor ou todo o contrario. No caso do uso do blog como recurso educativo, atopo unha posibilidade moi cómoda xa que ofrece unha ampla accesibilidade e, polo tanto, que poidas botar man del practicamente en calquera lugar. Ademais, facilita a interacción, xa que abre a posibilidade de comentar nas publicacións dos usuarios, e, en consecuencia, fomenta a escritura como medio non solo de comunicación, se non tamén de coñecemento. Finalmente, podería seguir enumerando ideas polas cales atopo este recurso na educación como unha ferramenta positiva, pero prefiro que me contedes vos que opinades. Pensades que supón unha vantaxe na educación ou que, polo contra, é un inconveniente? Para que tipo de actividades o utilizariades?

E que vos parece o uso das rúbricas para avaliar? Credes que son unha boa guía para os estudantes ou que os poden despistar?


Ata a próxima!

No hay comentarios:

Publicar un comentario